12 Estrellas Michelin de España e Portugal participarán no Festival SAL Sabores Atlánticos

SAL ofrecerá un completo programa de actividades para todos os públicos coa fin de experimentar e poñer en valor a gastronomía atlántica coruñesa como un lugar de encontro e unha forma divertida de entender e gozar da vida

Os sabores atlánticos e a cultura mariñeira son a razón de ser deste novo gastrofestival que quere reflectir todo o potencial dunha cidade como A Coruña, hoxe punta de lanza da cociña galega contemporánea

Haberá showcookings e jam sessions de cociña atlántica, obradoiros e charlas sobre produtos de proximidade, oferta gastronómica de food trucks e restaurantes da cidade, ocio infantil, música ao vivo, o Mercado da Colleita e moito máis

O Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña presentou onte miércoles 30 o programa de actividades da primeira edición do Festival SAL Sabores Atlánticos, que terá lugar na cidade herculina do 15 ao 17 de xuño de 2018. A cita, de carácter bianual, celebrarase no Paseo do Parrote, un dos enclaves máis fermosos da cidade, con vistas ao mar. En palabras do Alcalde, Xulio Ferreiro, “A Coruña é un dos nomes esenciais cando se fala de cociña e produto galegos. Nela teñen cabida a alta cociña clásica, pero tamén a de taberna; propostas gastronómicas de rúa e contemporáneas, ademais dunha cociña innovadora recoñecida polas guías gastronómicas máis importantes”.

Pola súa banda, o Concelleiro de Emprego e Economía Social e Presidente do Consorcio de Turismo, sinalou que “no Festival SAL non faltarán algúns dos produtores, chefs e restaurantes do arco atlántico máis recoñecidos a nivel local, estatal e internacional, ademais dun rico abanico de actividades para descubrir a riqueza e a singularidade da nosa xeografía máis próxima”. En SAL daranse cita showcookings e jam sessions de cociña atlántica, obradoiros e charlas sobre produtos de proximidade, oferta gastronómica de food trucks e restaurantes da cidade, ocio infantil, música e moito máis, tal e como é posible consultar con detalle na web www.festivalsal.es. Neste acto de presentación participaron ademais a xerente do Consorcio de Turismo, Lanzada Calatayud, o presidente de Coruña Cociña, Luis Veira, e o director de Trade Marketing de Hijos de Rivera, Manel Piñón.

Durante a presentación, Luis Veira, membro de Coruña Cociña e un dos restauradores que participarán nos showcookings que terán lugar durante o Festival, destacou que “o SAL é vital na nosa cociña e cultura, dende tempos antergos. Todos os compañeiros e compañeiras de profesión cos que falei están moi emocionados co que vai acontecer na cidade e vai ser comezo de algo tremendamente emocionante”. No programa desta primeira edición do Festival SAL destacan preto de 20 showcookings e jam sessions de cociña a cargo de primeirasfiguras como Alén Tarrío, Chechu Rey, Chendo Silva, Marco Varela, Jorge Gago, Ana Portals, Andrés Médici, Gerson Iglesias, Diego López, Pablo Pizarro, Alberto Lareo, Juanlu Fernández, Dani López, Lucía Freitas, Diego Novas, Iria Espinosa, Adrián Felipez, Moncho Bargo, Javier Freijeiro, Héctor López, Kike Piñeiro, David Fariña, Eloy Cancela, Pablo Gallego, Antonio Amenedo, Tino Otero, Manuel Garea y Álvaro Victoriano. Participarán tamén 12 Estrellas Michelin de España e Portugal, entre elas, os coruñeses Iván Domínguez e Luis Veira, os portugueses Henrique Sá Pessoa e Alexandre Silva, os asturianos Ricardo Sotres, Marcos Morán e Jaime Uz, o onubense Xanty Elías, dende Santa Cruz de Tenerife o coruñés Carlos Villar; e os galegos Javier Olleros, Caco Agrasar e Pepe Solla. En SAL terán lugar máis de 25 charlas e obradoiros para descubrir a riqueza da despensa atlántica: algas e mariscos, conservas vexetais, queixos e panes, viños e marmeladas artesás, entre outros. Os e as asistentes poderán gozar tamén cunha vintena de postos de restauración e food trucks da man de Bocanegra, Pablo Gallego, Malte, Koh Lanta, Casa Pardo, Domus, Finca Montesqueiro, Alma Negra, Roots, BenMeSabes, Pata Celta, La Conquista, Eclectic, Mesón de Herves, The Breen’s Tavern, La Cuchara Veggie, Bico de Xeado, Lacón Lover, Misco-midas, Café Siboney ou Árbore da Veira, que presentarán propostas salgadas e doces, tradicionais e creativas, onde non faltarán as ofertas veganas e aptas para persoas celíacas. Así mesmo, estará presente o Mercado da Colleita, a iniciativa social impulsada por Hijos de Rivera. O seu director de Trade Marketing, Manel Piñón, quixo destacar na presentación a súa aposta por este festival, pondo o foco na música en directo, xa que durante o Festival SAL participarán “bandas de culto de jazz” que serán anunciadas nos vindeiros días, avanzando a participacion da coruñesa María Toro.

“Estou convencido de que brindaremos un evento que será un fito nesta cidade”, afirmou. No Mercado da Colleita, ademais, o público poderá coñecer de primeira man e degustar as creacións dos produtores galegos máis auténticos, como Maeloc, Casa Grande de Xanceda, Galo Celta, Horta de Teodoro, Amodoro ou Daveiga. Haberá, ademais, un espazo adicado ao viño, con representación de todas as D.O. galegas. O Festival SAL contará cun espazo e programación especial para o público infantil, con xogos e actividades creativas. Os máis pequenos e pequenas da casa tamén contarán con charlas coma a de Ana Oca, participante en Master Chef Junior, e con obradoiros infantís impartidos polo restaurante con Estrella Michelin Árbore da Veira e cociñeiros e cociñeiras recoñecidas como Pablo Pizarro, Ángeles Marzoa, Moncho Bargo ou Javier Freijeiro. O Concelleiro, Alberto Lema, quixo aproveitar tamén para facer un agradecemento especial ás entidades e empresas colaboradoras, “todo isto non sería posible sen a Deputación da Coruña e o apoio de entidades como Estrella Galicia, a asociación de cociñeiros Coruña Cociña, Makro, Artesanía de Galicia e Welbilt, así como de empresas e profesionais do sector turístico e gastronómico, que formaron parte do desenvolvemento deste proxecto”. Todas as actividades do festival serán de acceso gratuíto. Unicamente os obradoiros infantís requiren inscrición previa. O prazo para anotarse abrirase o próximo 7 de xuño a través da web www.festivalsal.es. Cada obradoiro disporá de 15 prazas e están dirixidos a nenas e nenos de 5 a 10 anos.

O POTENCIAL GASTRONÓMICO DUNHA CIDADE EN CONTACTO CO MAR

A Coruña é, na actualidade, un dos destinos de turismo gastronómico máis interesantes de Galicia. É unha cidade que vive intensamente a gastronomía, capaz de combinar o tradicional e o creativo, o local e as influencias foráneas. É unha cidade cunha liña de gastrónomos e gastrónomas, e de restaurantes máis que centenaria e que, ao mesmo tempo, soubo arroupar a novas xeracións de cociñeiras e cociñeiros, que lle deron continuidade á paixón polo produto atlántico e a unha singular maneira de relacionarse coa alimentación e co territorio, consolidando a imaxe dunha metrópole aberta, acolledora, innovadora e inqueda, que se posiciona como o núcleo creativo máis importante da cociña galega contemporánea. Cociñas do mundo, templos do produto, lugares que reinventan a tradición, propostas de tapeo do máis variado. Todos os formatos vense reflectidos nunha cidade que respira gastronomía polos seus catro costados. Como destacou na presentación do Festival SAL o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, “este espírito aberto e innovador, pero consciente das súas raíces, converteu á cidade nun dos puntos quentes da gastronomía actual en Galicia e na Península Ibérica”. A Coruña conta cunha ampla listaxe de locais e figuras que son reseñadas e premiadas de forma asidua, que ocupan os primeiros postos en todo tipo de rankings gastronómicos e aparecen nas relacións de mellores restaurantes de produto. Recoñecidos nomes da nosa cociña deron lugar a un número de referencias, críticas positivas e recoñecementos moi superior ao de calquera outra cidade galega. Así mesmo, recentes eventos gastronómicos acercaron á cidade a figuras de primeiro nivel das cociñas europeas e a importantes críticos e prescritores. Con este caldo de cultivo, Ferreiro destacou que “agora é o momento de que A Coruña se reivindique como capital dos sabores atlánticos da man do Festival SAL, coas súas propias e interesantes peculiaridades e un ambiente gastronómico do máis atractivo”. Pola súa banda Luis Veira, presidente de Coruña Cociña e chef de Árbore da Veira, galardoado cunha Estrella Michelin, quixo poñer en valor durante o acto as bondades da gastronomía atlántica, que “é sempre unha cociña que mira cara ao mar, mariñeira e viaxeira, pero con profundas raíces na terra”. Veira destacou que “A Coruña é hoxe moito máis que un lugar cun bo produto, é un lugar cunha excelente cociña. A súa oferta eríxese como a punta de lanza da diversidade gastronómica galega. Os seus mercados son o lugar perfecto para explorar a despensa atlántica. Neles ofrécese o mellor do produto autóctono e permiten mergullarse na cociña máis ancestral ou na contemporánea”. Todo isto verase reflectido da man de grandes figuras da cociña atlántica do 15 ao 17 de xuño no Festival SAL Sabores Atlánticos.

Written By
More from Galiciademoda

Show de moda en Montealto [Coruña Wapa 2013]

https://www.youtube.com/watch?v=-DOed3H5XaY Vídeo: Estudio David García
Read More