ENTREVISTA: Manuel Rivas

GaliciadeModa tivo a sorte de asistir a presentación do filme ‘Todo é silencio’ baseada nunha novela do escritor coruñés Manuel Rivas, dirixida por José Luis Cuerda e guionizada polo mesmo escritor. O filme narra a complicada relación entre os tres protagonistas que viven inmersos no mundo do narcotráfico dende pequenos. O actor Quim Fernández (AzulOscuroCasiNegro) interpreta ó mozo que volve á súa vila natal como axente de policía para loitar contra o narcotráfico mentres que o amor da súa vida interpretada por Celia Freixeiro (Homicidios) e o seu mellor amigo interpretado por Miguel Ángel Silvestre (Alakrana) están totalmente atrapados polo tráxico destino do narcotráfico. Como non podía ser doutra maneira, a rodaxe tivo lugar en Galicia, na Costa da Morte, onda a paisaxe ten un especial carisma.

Falamos con Manuel Rivas, autor da novela e guionista de ‘Todo é silencio’.

 

  • A relación profesional entre Cuerda e vostede semella que parte tamén dunha amizade activa e creativa.

 

José Luis Cuerda é destas persoas que axudan a ter unha mirada más ampla, das que cando falas con elas saes coa cabeza chea de novas ideas. Ten moito sentido do humor e, precisamente, a súa boa aclimatación a Galicia ven do seu carácter irónico. É unha persoa que escoita o latexo da terra e polo tanto sabe contar moi ben as paixóns humanas.

 

  • No caso de A lingua das bolboretas e O lapis do carpinteiro non foi responsable da escritura do guión pero neste caso a responsabilidade é súa ó cen por cen. ¿Atópase cómodo neste papel?

 

Nun primeiro momento fun algo reticente cando mo propuxeron pois todo o proceso de facer unha película é realmente complexo. Pero ás veces é dabondo con que che digan algo novo para que estea aí a idea, coma co pan, levedando. Despois de dous anos chamaron de novo insistindo e decidín aceptar o desafío. Foi unha moi boa experiencia e ademais, híbrida, por xuntar elementos literarios e audiovisuales.

 

  • A vila protagonista, Noitía, é unha localización ficticia, ¿pero de qué lugares comúns está formada?

 

Para min foi unha parte moi bonita do traballo axudar a localizar pois xa tiña escenarios na mente. Aínda que a xente tiña como localización de partida Arousa non quería establecer unha ligazón tan obvia. Non se trata da historia dun capo concreto senón da metamorfose dos capos do narcotráfico en Galicia. É unha paisaxe que non está nun lugar concreto pois ademais en Galicia tes moitas posibilidades: pasas dun cantil cunha mar bravísima e en poucos quilómetros un areal tranquilo ó abeiro da ría.

 

  • Os protagonistas de ‘Todo é silencio’ viven situacións moi límites na novela e o filme, ¿pensa que así saen as mellores personaxes?

 

Colocar os seres humanos nunha situación fronteiriza fai que afloren as paixóns e saia ese lugar estraño que é a alma, a caixa negra do ser humano, esa zona misteriosa. A historia de fondo do narcotráfico, así como a guerra, é un escenario universal onde se pon a proba a condición humana.

 

  • É palpable o éxito cinematográfico e televisivo que ten o tema do narcotráfico, sen embargo, chama a atención o silencio informativo por parte dos medios convencionais. ¿Pensa que falar deste conflito é responsabilidade dos guionistas e escritores?

 

O xornalismo e a literatura son tempos diferentes e distantes. Penso que mesmo no título do filme, na idea do silencio, estamos a ver como non só en Galicia si no tamén en Latinoamérica como a literatura ou o cinema van cun fósforo aí onde hai penumbra e escuridade. Kierkegaard dixera que canto máis profundo sexa o silencio más terrible é o demo que agocha. Nese sentido, o chamado narcotráfico é a metáfora doutras cousas que estamos a ver neste tempo coma a corrupción ou os poderes ocultos. O fondo da historia é o poder, a cobiza polas propiedades, diñeiro ata querelo dominar todo. O importante non é a mercadoría concreta porque cando vemos unha historia de gánsters non nos preocupa tanto o proceso de destilación de alcohol se non qué pasa coa condición humana. A historia van sorprender nese sentido.

 

 

Entrevista extraída del número 5 de Galiciademoda

Written By
More from Galiciademoda

Sumario Nº12+1

¿Qué vas a encontrar en este nuevo número de Galiciademoda? Tendencias, actualidad,...
Read More